Blog de aula para o alumnado de T.I.C. .Curso 2009-10. Grupos A e B

27/10/09

Buscadores

Para buscar e atopar en Internet normalmente só se necesita un buscador. Como xa vimos a principio de curso, o máis utilizado con diferenza é Google. Pero non só existe este buscador, temos outras opcións como Yahoo, Altavista, Hispavista, Lycos, Ask ou Bing e outros buscadores especializados. Debemos coñecelos así como as diferentes opcións de busca que nos proporcionan.
Sistemas de busca. Os buscadores dispoñen de dous sistemas de busca de información, mediante o emprego de palabras claves ou buscando nun directorio por temas.
A primeira opción de busca consiste en escribir unha ou varias palabras e pulsar Intro ou o botón de busca. Este é o sistema de procura máis directo, especialmente cando buscamos algo moi concreto. Case todo Internet está en Google. É cuestión de atopar as palabras axeitadas.

En ocasións é preciso efectuar varias probas con distintas combinacións de palabras. Podemos realizar unha busca escribindo unha palabra relacionada coa información que buscamos. Debemos escribir unha palabra especialmente relevante. Outra opción é marcar Buscar só páxinas en español, así limitamos a opción de busca entre as páxinas en idioma castelán. A páxina cos resultados móstranos as primeiras opcións. Se non atopamos a páxina que buscamos entre as primeiras que aparecen pulsamos sobre Seguinte.

Buscar con varias palabras.
A procura cunha soa palabra adoita dar como resultado moitos miles de posibles páxinas. Para concretar máis a procura adóitanse utilizar varias palabras. A maior parte das buscas que realizamos son empregando varias palabras á vez. Para atopar algo concreto o mellor é escribir varias palabras ben relacionadas coa información que desexamos. Por exemplo, se estamos interesado na cría do camarón escribimos na caixa do buscador cría camarón Se non atopamos entre as primeiras páxinas a dirección que buscamos o mellor é restar palabras de busca para atopar menos páxinas pero máis relacionadas co tema que nos interesa.

Delimitar a busca.
Colocando o signo "-" diante dunha palabra eliminamos da procura esa palabra. Deste xeito na lista non aparecen as páxinas que inclúen a palabra que engadimos co signo menos. Para eliminar as páxinas de flamenco que fan referencia ao cantante de flamenco chamado Camarón poñemos -flamenco. Este buscador clasifica as páxinas por importancia. Tamén presenta primeiro as páxinas onde as palabras aparecen xuntas ou máis perto.

Obtemos os mesmos resultados escribindo todo en minúsculas que se poñemos maiúsculas.
O buscador tamén adoita ignorar os termos superfluos como http. .com e certas expresións que non axudan a definir a busca. O buscador ignora as palabras que por ser demasiado numerosas (o, a, de, el, la…) non melloran a busca. Aínda que en ocasións interesa atopar unha frase completa.
Para buscar exactamente unha frase ou o nome dunha persoa poñemos aspas (“”). Por exemplo "miguel de cervantes" . Deste xeito só aparecen páxinas onde estas palabras aparecen xuntas. Tamén é útil para a procura de ditos ou refráns populares.

Traducir as páxinas que atopamos en outros idiomas.
Podemos buscar información en toda a Rede, de forma que atopamos páxinas que nos interesan en varios idiomas. Google dispón dun programa tradutor automático.
A tradución non é tan boa como a que realiza unha persoa que coñeza o idioma pero pode servirnos para entender o documento.

Busca avanzada.
Dende a primeira páxina dos buscadores podemos acceder ao formulario para Busca Avanzada. Pulsamos sobre o enlace que se atopa xunto a caixa de busca. Aparécenos un formulario de busca avanzada. Podemos seleccionar as palabras que teñen que aparecer sempre nos documentos escribíndoas na caixa de todas. Se queremos buscar unha persoa, unha frase, un refrán, escribímolo no recadro da frase exacta. Se buscamos páxinas nas que apareza indistintamente unha palabra ou outra, escribímola con algunha das palabras. Para excluír certas palabras da procura escribímola sen as palabras. Por exemplo se queremos atopar información sobre pintura pero desexamos excluir os impresionistas escribimos impresionistas na caixa de sen as palabras. Podemos seleccionar o tipo ou formato de documento. Por exemplo se só desexamos documentos en PDF que son fáciles de imprimir seleccionamos Adobe Acrobat PDF.
A procura de imaxes tamén conta cunha opción de busca avanzada.
Outra opción de busca en Internet é utilizar un buscador especializado no tema que nos interesa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario